Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Brión entrega 3 novas piraguas aos deportistas locais Luís Guilbert e Laura Ardións e ao club Ribeiras do Tambre


José Luís García anuncia que o Concello vai investir 100.000 euros na remodelación das instalacións de piragüismo de Ons
O alcalde de Brión, José Luís García, e o concelleiro de Deportes, Xesús Quintela, fixeron entrega de tres novas piraguas aos deportistas locais Luís Guilbert, campión de España infantil, e Laura Ardións, campioa alevín da Coruña, así como ao club Ribeiras do Tambre. Un acto celebrado nas instalacións de piragüismo que o Concello de Brión ten en Ons, no límite municipal con Negreira, e que serán remodeladas durante 2017 cun investimento superior aos 100.000 euros.

Así o confirmou José Luís García, que anunciou que “o ano que vén imos remodelar estas instalacións. Xa conseguimos unha achega de 100.000 euros por parte da Deputación da Coruña e o proxecto xa está en marcha”. Unhas instalacións municipais que son empregadas tanto para os cursos de piragüismo do verán como polos rapaces e rapazas que practican este deporte da man do club Ribeiras do Tambre. Os traballos servirán para solucionar os problemas de humidades do actual inmoble, así como para mellorar o seu subministro de enerxía.

Piraguas

Ao acto de entrega das piraguas asistiron Luís Guilbert e Laura Ardións, acompañados das súas familias e dos seus dous adestradores, Fernando Viaño e Alfonso Martínez, do club Ribeiras do Tambre, así como os demais palistas de Brión. As tres piraguas entregadas son propiedade do Concello de Brión, quen cede o seu uso a dous deportistas de elite locais e ao club Ribeiras do Tambre. Trátase de piraguas de última xeración e especialmente deseñadas para a competición. Entre elas destaca o modelo achegado a Luís Guilbert, un Nelo K1 Cinco, que é o modelo empregado polos competidores nos últimos Xogos Olímpicos de Río.

José Luís García agradeceu “o esforzo que están facendo os nosos deportistas por conseguir bos resultados, as súas familias por acompañalos aos adestramentos e ás competicións, e o club Ribeiras do Tambre pola súa adicación, que están dando resultados fantásticos”. Neste sentido, o alcalde de Brión mostrouse moi satisfeito por que “en Brión haxa agora mesmo máis de catrocentos nenos e nenas practicando algún deporte nas nosas escolas deportivas. E, aínda que parece que o fútbol o come todo, no caso de Brión hai incluso deportes que lle están gañando a partida e que cada día contan con máis afeccionados como son a patinaxe, o ciclismo ou o piragüismo”.